Magreco rinde homenaxe a José Moreira Pardiñas durante a poxa de xovencas

O Concello de Boimorto rendeu esta mañá unha cálida homenaxe ao que fora director técnico de Africor Coruña dende 1992 e un dos grandes referentes en Galicia da mellora xenética dos animais e do control leiteiro, José Moreira Pardiñas, que faleceu o pasado mes de decembro aos 54 anos. A alcaldesa expresou o seu agradecemento a “un home que traballou moito por Boimorto e por sacar adiante a poxa de xovencas, motivos polos que sempre formará parte da familia Magreco”. María Jesús Novo entregoulle un ramo de flores a viúva. María do Carme Fariña asegurou que o seu marido traballou toda a súa vida para defender aos gandeiros da provincia da Coruña, aos que definiu como “a locomotora de todas as profesións que veñen detrás”.

José Moreira era un home que “sempre dicía o que pensaba e que adicou toda a súa vida á defensa do control leiteiro e á mellora xenética”, segundo os seus compañeiros de Africor Coruña, que recordaron que o homenaxeado dirixiu a súa última poxa o ano pasado en Magreco.

Carmen Fariña agradeceu o recoñecemento do Concello de Boimorto e o traballo de Luís Seoane “o presidente de Africor durante 20 anos, co que o meu home sempre colaborou. Moreira traballou toda a súa vida para defender aos gandeiros da provincia da Coruña, porque os gandeiros son a locomotora de todas as profesións que veñen detrás e temos que loitar por eles”, dixo visiblemente emocionada.

A homenaxe coincidiu coa poxa de xovencas que se fai todos os anos en Magreco e que impulsou hai sete anos José Moreira. Nesta ocasión puxéronse a venda doce exemplares de raza frisona, algunha das vacas estaba recentemente parida e outras chegaron á poxa preñadas. Os técnicos de Africor foron os encargados de dirixir a poxa, á que asistiron preto de mil persoas. Os prezos das novillas oscilaron entre os 2.150 e os 3.250 euros, ascendendo o importante total das ventas aos 31.350 euros.

Antes das poxas das xovencas de raza frisona, a Asociación Nacional de Criadores de Ganado Vacuno Selector de Raza Rubia Galega (Acruga) tamén puxo a venda cinco becerras, que alcanzaron na poxa prezos que oscilaron entre os 1.950 e os 2.300 euros.

Unha vez rematadas as poxas, sorteouse entre os presentes unha becerra frisona, que gañou Jesús Valiño, da Granxa Ecolóxica de Figueiroa, en Arzúa.

A poxa de xovencas foi o prato forte de hoxe, aínda que os milleiros de persoas que se achegaron a Boimorto puideron coñecer as últimas novidades en maquinaria agrícola e forestal, así como visitar os expositores de alimentación e artesanía montados no polideportivo, mentres a cativada gozaba cos inchables ou coa condución de tractores.

A Agrupación Folclórica Santiaguiños de Boimorto poñía o broche de ouro a unha edición de Magreco que reuniu en Boimorto a máis de 5.000 persoas esta fin de semana.

Album de fotos de Magreco 2019 no Facebook da Feira, nos seguintes enlaces:

- Inauguración e visita do conselleiro de Medio Rural á feira de maquinaria e expositores (preme aquí)

- Expositores de artesanía e alimentación (preme aquí)

- Homenaxe a José Moreira e poxa de xovencas (preme aquí)