Axudas do PEL 2020 para pemes e autónomos - Deputacion Coruña

Poden solicitarse ata o 11 de xuño

Na liña PEL-PEMES, a Deputación financia ata o 70% do salario dun traballador/a contratado durante un período de un ano.

A liña PEL-Emprende subvenciona novos investimentos en empresas de menos de cinco anos con ata 17.500 euros.

A Deputación da Coruña reabre o prazo para solicitar as axudas das liñas PEL-PEMES e PEL-EMPRENDE do Plan de emprego Local 2020 dirixidas a pequenas e medianas empresas, autónomos/as, emprendedores/as da provincia. O prazo de solicitudes, que foi suspendido en marzo debido ao estado de alarma, retómase de novo a partir do luns e estará aberto ata o 11 de xuño.

A liña PEL-PEMES subvencionará as pequenas empresas e autónomos con sede nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña para a contratación laboral dunha persoa en situación de desemprego durante un período de 12 meses. A Deputación financiará o 70% do soldo e a Seguridade Social do/a traballador/a contratado/a, ata un máximo de 15.400 euros anuais.

Con esta liña, a Deputación aposta polo emprego estable e de calidade no sector privado, xa que o 64,20% das persoas contratadas con axudas do PEL-Pemes contan xa cun contrato indefinido.

Habilítase tamén unha liña PEL-PEMES Mantemento, coa que a Deputación subvenciona o mantemento das contratacións laborais indefinidas da convocatoria anterior do programa durante un ano máis. Deste xeito, as empresas poden optar a unha nova axuda para manter o posto de traballo creado en 2019 durante 12 meses máis. Nestes casos, a Deputación financiará o 50% do soldo e Seguridade Social do traballador/a cun importe máximo de 11.000 euros anuais. Estes contratos son sempre de carácter indefinido.

Por outra banda, a liña PEL-Emprende está destinada a autónomos e empresas da provincia da Coruña con menos de cinco anos de antigüidade e sede social en calquera dos concellos da provincia da Coruña.

As axudas cubrirán ata o 70% do investimento, cun máximo de 17.500 euros, para a compra de aplicacións informáticas, maquinaria, útiles, mobiliario e equipos para procesos de información. Todos eles deben ser elementos novos e directamente relacionados coa actividade da empresa.

A solicitude destas axudas debe realizarse mediante o envío da documentación requirida nas bases de xeito telemático, a través da plataforma SUBTeL da Deputación. Todos os anexos requiridos para a presentación das solicitudes poderán ser descargados na plataforma, na sección correspondente ás diferentes convocatorias.