Rutas Turísticas

Rutas polo Concello

Existen moitos lugares dignos de visitar non concello, pero grazas á tranquilidade do pobo a mellor forma de visitalos é a pe. Xa os alumnos do CPI Armando Cotarelo Valledor o pensaron así cando no ano 1999 crearon as primeiras rutas polo Concello.

Coa axuda dos seus profesores idearon 5 rutas por outras tantas parroquias e plasmáronas nun folleto que recibíu o "Premio a Innovación Educativa 1999" que concede a Consellería de Medio Ambiente, polo seu gran labor de investigación e divulgación das calidades turísticas do Medio Rural.

Deste traballo saíron as Rutas de Boimorto, Sendelle, Dormea, Os Anxeles e Andabao. Todas elas percorren os lugares máis emblemáticos de cada zona, ademáis disto os camiños polos que discorre non teñen un tráfico de coches moi significativo co cal son moi tranquilos e amenos.

Ruta de Boimorto.

Esta ruta coincide co pedazo do Camiño do Norte que pasa por Boimorto. Comeza no límite da parroquia de Os anxeles co Veciño concello de Sobrado dos Monxes e remata no Concello de Arzúa. Esta anadaina percorre a Antiga Via Romana que pasaba polo Concello, xusto polo medio do actual pobo de Boimorto.

Ruta de Dormea.

Esta camiñata percorre os lugares máis relevantes da Parroquia de Dormeá así como diversos miradores naturais e os principais núcleos de poboación. De entre os lugares que visita cabe destacar a Capela de San Brais, o pazo de Vilanova e a Casa reitoral.

Ruta de Andabao.

Todos os que se aventuren a facer esta ruta deben saber que se van atopar co mellor da parroquia de andabao, e que grazas á gran altitude media da parroquia van a poder gozar dunhas vistas privilexiadas de todo o val. Entre outros lugares con esta ruta visitamos a casona da Torre, asi como as capelas de Andabao(San Martino) e da Arentía(San Cidre).

Ruta de Sendelle.

Esta é unha das rutas máis curtas pero non por iso deixa de ser interesante, posto que a parroquia conta cunha riqueza monumental moi grande. Entre os monumentos que visitamos destacan sobre o resto: O Pazo de Cuíntas, unha fonte moi peculiar chamada Fonte do Picho e a Casa Grande do Marco.

Ruta de Os Anxeles.

Por ultimo topámonos coa parroquia dos Anxeles coñecida polo bon facer e pola gran xentileza das suas xentes, así como por ter algun dos monumentos máis importantes do concello, entre os que destacan pazos como o de Liñeiro e o de Verea, e construccións relixiosas como a capela da Asunción e a igrexa de Santa María dos Anxeles.