O Concello de Boimorto cancela Magreco pola repercusión da folga do transporte no sector agrogandeiro

  • O paro dos transportistas imposibilita a chegada de maquinaria para a exhibición e das xovencas para a poxa 

  • A organización fixa o 25 e 26 de marzo de 2023 como datas para celebrar a vindeira edición

O Concello de Boimorto lamenta ter que comunicar a decisión de cancelar a celebración da presente edición de Magreco, feira de maquinaria agrícola e produtos ecolóxicos, que tiña previsto desenvolverse na vindeira fin de semana. A folga de transporte fai inviable a chegada ao pavillón de Boimorto, no que se ía celebrar o certame, tanto de maquinaria para as distintas exhibicións previstas como de exemplares de vacún para a realización da tradicional poxa de xovencas.

Boimorto, a través da súa alcaldesa, amosou o seu total apoio tanto ao  sector agrogandeiro, de gran peso no municipio, como ao sector do transporte. María Jesús Novo Gómez incidiu en como lles está a afectar a estes dous sectores a suba de materias primas, a electricidade e o gasóleo, o que os leva a “unha situación insostible”. 

Fontes da organización subliñaron así mesmo que nestes días mantiveron diversos contactos cos expositores que ían participar en Magreco e que todos eles manifestaron entender as reivindicacións de agrodandeiros e transportistas.

As persoas organizadoras queren agradecer tamén “enormemente” as mostras de apoio dos colaboradores e a comprensión de veciñanza ante a cancelación dun evento de gran relevancia para o municipio e que ía supoñer unha relativa volta á normalidade ao recuperarse a celebración dun certame que foi suspendido nas súas últimas dúas edicións por causa da pandemia.

Coa vista posta no futuro, o Concello de Boimorto xa fixou para o 25 e 26 de marzo do vindeiro ano 2023 as datas da próxima feira, que ademais de amosar as últimas novidades en maquinaria agrícola e forestal, volverá a ter na poxa de xovencas frisoas un dos seus principais atractivos. Centos de gandeiros da comarca acoden a esta poxa para facerse con exemplares de primeira calidade coa fin de renovar as súas explotacións.

Tags: