ITH

Estilo musical: 

  • Rock
  • Heavy

1 Historia.

ITH é un príncipe celta que dá nome ao grupo que forman Miguel, Toxo, Folgueira, Gonzalo e Lucía. Este grupo de Xanceda (Mesía - A Coruña) e arredores mantén o principio de facer rock galego e en galego, con tres maquetas no seu palmarés, cun disco gravado en directo, cun CD en acústico e cun DVD en vivo. Así mesmo, e ao longo destes anos, realizaron numerosas actuacións pola xeografía galega. Algunhas delas, ademais, compartindo cartel e escenario con grandes bandas do panorama musical español como Los Suaves ou Celtas Cortos.

A música de ITH guíase polas influencias de diversos grupos do rock, do heavy ou do pop, influencias que achegan cada un dos seus compoñentes, e que se aglutinan nos seus temas.

A súa música pódese escoitar no seu Myspace, www.myspace.com/ithrock, no seu perfil de Facebook, www.facebook.com/ithgrupo, ou en Youtube www.youtube.com/quemorran, webs nas que tamén se poden ver vídeos dalgúns dos seus concertos.

2 Actuacións.

Ao longo da súa traxectoria musical, son moitos os lugares que tiveron ocasión de sentir a música de ITH en exteriores, pero tamén en diversas salas de Galicia. Así, podemos comezar por Baamonde (Lugo), seguido de Melide, Ordes, Cerceda, Negreira, Boimorto, Santiago de Compostela e un longo etcétera.

Algunhas das actuacións máis destacadas foron no Festival Teixeiro Rock (xullo 2009), compartindo cartel con Los Suaves e O Sonoro Maxín, así como na “Festa da Troita” de Sobrado dos Monxes (agosto 2009), xunto con Celtas Cortos, ou nunha nova edición do “Festival Teixeiro Rock” (xullo 2011) con A Palo Seko e Segismundo Toxicómano. Tamén na “Concentración Moteira de Curtis”, onde actuaron xunto ao grupo ferrolán Riff Raff co cal coincidiron tamén no “I Festival de la Luz” en Boimorto (setembro 2012).

Actualmente o grupo atopase inscrito na Rede Cultural da Deputación de A Coruña e en Camiños de Cultura 2014 da Consellería de Cultura.

3 Proxectos de futuro.

O seus proxectos de futuro xiran basicamente arredor de dúas premisas.

Por unha banda, a de poder gravar un disco de estudo cos seus mellores temas, algo no que xa están traballando, e que poida ser distribuído e chegue ao máximo número de oíntes posible.

Por outra, a de seguir tocando en directo, algo co que desfrutan todos os que conforman este grupo de rock galego.

Ver dossier de prensa