Magreco celébrase o 28 e 29 de marzo cunha mostra de cans de caza, maquinaria agrícola e a poxa de xovencas

A poxa de xovencas de Magreco vaise celebrar o 29 de marzo pola mañá

Unha exposición de cans de caza das razas Beagle e Beagle Harrier será este ano unha das principais novidades de Magreco, a feira de maquinaria agrícola e forestal, razas autóctonas e produtos ecolóxicos que organiza o Concello de Boimorto en colaboración coa Consellería de Medio Rural. A edición 2020 celebrarase durante os días 28 e 29 de marzo nos arredores do polideportivo municipal, e volverá a contar coa tradicional poxa de xovencas, que o domingo a mediodía se converte nun dos actos máis concorridos de Magreco.

As exposicións de maquinaria agrícola é un dos atractivos de Magreco e son moitos os gandeiros e agricultores que se achegan ata Boimorto para coñecer de primeira man algunhas das novidades que ofertan as diferentes casas comerciais. Os asistentes poderán gozar de multitude de actividades relacionadas co medio rural e a tradición galega, e ver animais de varias das razas, algunhas delas autóctonas como a rubia galega, charolesa, cachena, a cabra galega ou o porco celta, que serán outros dos atractivos da feira, xunto cos obradoiros de demostración de oficios e elaboración de pezas en barro.

Magreco volverá contar este ano cunha ampla zona dedicada á alimentación, no que os produtos ecolóxicos e os de denominación de orixe galego serán os principais atractivos. No polideportivo tamén haberá diferentes postos de artesanía, facilitando aos visitantes que poidan coñecer e mercar produtos de todo tipo.

Os máis novos terán tamén o seu espazo no polideportivo, con inchables, zonas de xogos e diferentes actividades para que poidan gozar durante a fin de semana.

Poxa de xovencas o domingo 29

O domingo 29 a feira comezará ás 11.00 horas cun dos seus pratos fortes, a sétima edición da poxa de xovencas, rubias galegas e frisoas, que estarán coordinadas por membros de Acruga e Africor, respectivamente . Coma sempre, contará con animais de gran beleza e cunha cualificación xenética excepcional. A pesares de que as vacas estarán expostas toda a fin de semana, non será ata o domingo ao mediodía cando se levará a cabo a poxa. Despois disto, sortearase a xata frisoa entre aquelas persoas que depositen a súa rifa na furna situada ao carón da exposición de animais.

Exposición de Beagle e Beagle Harrier

A principal novidade este ano que ofrece Magreco 2020 é a exposición de cans de caza da raza Beagle e Beagle Harrier, que se celebrará o sábado 28, e que contará coa presenza dunha das criadoras máis afamadas de España. Aurora Blanco, co afixo Entresierras, acudirá a Boimorto con algúns dos seus Beagle que foron campións de España e que conseguiron diferentes podios e premios en concursos internacionais.

Ademais de diferentes premios para os mellores cans que participen nesta exposición, cada un dos criadores participantes recibirá como regalo un saco de penso. A exposición celebrarase nas inmediacións do polideportivo, e a organización facilitará un número limitado de gaiolas para os cans, que os participantes poderán solicitar gratis antes do 13 de marzo chamando ao Concello de Boimorto (981 516 020) ou ao móbil 620 253 317.

En colaboración coa Federación Galega de Caza, os asistentes a esta exposición tamén poderán gozar cun simulador de tiro.

Categoría: