Os gandeiros poderán poxar en Boimorto por 14 vacas frisonas durante Magreco

Os gandeiros que durante o vindeiro fin de semana acudan á feira Magreco que se celebra en Boimorto dende o ano 2012 poderán participar na poxa de 14 vacas frisonas que se celebrará o vindeiro domingo, 31 de marzo, a partir das doce do mediodía nas instalacións habilitadas preto do polideportivo municipal. Os simuladores de condución de maquinaria agrícola e forestal; os food truck (camións con comida) e a música tradicional serán este ano algunhas das novidades da feira. (Podese consultar neste enlace o folleto que editou Africor coas características de cada exemplar).

A feira Magreco, organizada polo Concello de Boimorto coa colaboración da Consellería de Medio Rural, incorporará tamén como novidades este ano dous concertos de música tradicional, a cargo do Grupo Leirabuxo (sabado, día 30, ás 20.00 horas) e da Agrupación Folclórica Santiaguiños de Boimorto (domingo, 31, ás 20.00 horas), ambos no polideportivo municipal.

Pero sen dúbida, os simuladores de condución coa aplicación Farming Simulator será un dos atractivos do Magreco 2019. Os asistentes á feira poderán gozar da experiencia de conducir un tractor ou maquinaria forestal como se fose na vida real, pero sen correr ningún risco. Disporase de todo tipo de apeiros para facer a recolleita e para plantar, como se estivesen traballando nas súas propias leiras.

As exposicións de animais de varias das razas autóctonas de Galicia coma a cachena ou caldelá; ovella e cabra galega, porco celta e galiña piñeira e de Mos serán outros dos atractivos da feira, xunto cos obradoiros de demostración de oficios e elaboración de pezas en barro, o concurso de habilidade con minipala, e a exposición de maquinaria.

Ademais, Magreco agrega nesta edición melloras nas instalacións e deseños do espazo dedicado á alimentación e produtos de artesanía. Deste xeito os visitantes poderán facerse con produtos con denominación de orixe galega, ecolóxicos, ou artesanais dunha maneira máis funcional que nas celebracións anteriores. 

Máis información sobre o Magreco 2019 neste enlace (preme aquí)