O Concello de Boimorto cancela a feira Magreco e pecha o PAI e o centro de maiores dende o luns

Atendendo ás últimas medidas e recomendacións achegadas pola Xunta de Galicia sobre o Covid-19, o Concello de Boimorto acordou cancelar a feira Magreco, prevista para os días 28 e 29 deste mes, e pechar o centro de maiores e o punto de atención á infancia dende o vindeiro luns, día 16.

Así mesmo, e en relación á miniresidencia, dende o concello recoméndase non facer visitas aos maiores, e en caso de que resulte imprescindible só se permitirá a visita dun familiar por residente ao día.

Tamén se suspenden os servizos de fisioterapia e podoloxía aos usuarios externos dos mencionados servizos, e queda suspendido o voluntariado que se ven realizando no centro. En canto aos provedores, estes realizarán a entrega dos produtos accedendo ao centro polo garaxe do edificio.

Por outra banda, tamén se pecha o centro de día. Ás persoas que non acudan, descontaráselles a parte proporcional da cota do mes de abril. O menú externo a domicilio seguirase mantendo.

As actividades por parroquias e as deportivas e municipais tamén quedan suspendidas. Tamén quedan cancelas as actividades que promoven as diferentes asociacións nos locais sociais municipais. O ximnasio municipal péchase e o transporte polas parroquias tamén queda suspendido dende luns.

Esta decisión adóptase seguindo as recomendacións da autoridades sanitarias en relación coa contención do coronavirus Covid-19. 

Para solicitar información xeral sobre o novo coronavirus, a Xunta de Galicia pon a disposición da poboación o teléfono gratuíto 900 400 116. Así mesmo, neste enlace pódese consultar toda a información que están a ofrecer as autoridades sanitarias de forma actualizada.