Introduccion

CANCIONEIRO POPULAR DE BOIMORTO

 

A primeira edición deste Cancioneiro popular de Boimorto foi editada pola editorial Galaxia co título de Cancioneiro popular das Terras do Tamarela.

Presentamos agora unha revisión deste material  clasificando as melodías por xéneros musicais coa intención de que as novas xeracións recuperen e transmitan, de forma colectiva, este cancioneiro  como parte da súa identidade.

Semana das Letras Galegas do ano 2017.

Autor: Manuel Rico Verea

Deseño das páxinas: Cibrán Rico López  e Xesús Vázquez Gómez para desescribir

Andar de boca en boca

Unha cantiga é un traxe, unha tea de cores tecida con palabras e con música, a urde e a trama, que alguén se esqueceu de asinar. Unha roupaxe que dende antigo andamos a vestir os homes e as mulleres en cada ocasión, porque hai unha vestimenta acaída para cada momento. Porque a roupa  é decoro. 

Manuel Rico Verea recolleu esas roupaxes sonoras, coas que seguir a vestirnos os galegos. Rescata, como antano fixeron as xentes do Rexurdimento, o vestiario musical, as bandeiras sonoras das nosas parroquias. Elas identifícannos como pobo. Falan de nós e por nós. Arroupáronnos as cantigas dende a nosa nenez cos cantos de berce e acompañáronnos nas nosas labores, nas viaxes e nos desterros, nas dores, nos bailes e nas festas. Non morren con nós nos velorios e nos enterros, seguen aí reencarnadas noutra voz.

Sempre estiveron connosco cubríndonos cos seus fíos invisibles, acariñándonos coas súas ondas. Soen dentro de nós como un íntimo eco ou vibren fóra de nós son sempre a nosa compaña.

Houbo bocas masculinas e femininas que as argallaron, que confeccionaron esa tea efémera feita con aire e que nolas doaron e andiveron de boca en boca. Moitas se perderon. Agora, Manuel Rico Verea, tráenos e regálanos esas voces, esas bicadas, creadas e cantadas polas bocas dos de Boimorto que xa non son.  

Miguel Anxo Seixas Seoane

 

Esta recolla etnomusicográfica é única na nosa folklorística pois nunca antes se publicara un cancioneiro co corpus literario e musical dun concello.

(...) Podemos dicir que estamos ante un docu­mento que nos mostra en profundidade o perfil musical dunha zona de transición entre a Galicia atlántica e a Galicia central.                                 

Dorothé Schubarth