
-
O domingo ao mediodía sairán a poxa 16 novillas frisoas, trece delas xa dando leite, e outras tres rubias
-
Increméntase o número de expositores de maquinaria agrícola e forestal
-
Haberá actividades para toda a familia, con xogos gratuítos para a cativada, exhibicións de talla de madeira con motoserra e de doma de cabalos de pura raza galega
-
A oferta para xantar inclúe foodtrucks, tres polbeiras e postos de alimentación
O Concello de Boimorto volve a converterse esta fin de semana no epicentro do sector agrogandeiro galego coa celebración dunha nova edición de Magreco, que terá na feira de maquinaria agrícola e forestal e na poxa de xovencas os principais atractivos dun evento que do 27 ao 29 de marzo xuntará na capital do municipio a milleiros de persoas de toda Galicia.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, xunto coa alcaldesa, María Jesús Novo, e o alumnado de primaria do CPI de Boimorto, serán os protagonistas da inauguración oficial de Magreco, nun acto que comezará ás 13.00 horas do sábado, día 28.
A feira de maquinaria agrícola, forestal e de xardín incrementa este ano o número de expositores, para que agricultores e gandeiros poidan coñecer en Boimorto as últimas novidades das diferentes casas comerciais. Esta mostra, que se abre xa o venres 27, é unha dos sinais de identidade de Magreco.
O outro prato forte de Magreco é a poxa de xovencas, que se celebra o domingo ao mediodía na carpa situada diante do colexio público. Nesta edición, 8 granxas da contorna de Boimorto aportan 16 novillas frisoas para a poxa, trece delas xa paridas e dando leite, e outras tres que están a punto de parir. Ademais, tamén se poderá puxar por tres novillas rubias.
Estes animais poderán verse durante toda a xornada do sábado na exposición de gando situada na propia carpa da poxa. As asociacións de gandeiros Africor, que coordinará a poxa dos exemplares de raza frisoa, e Acruga, que supervisará a de rubia galega, garantirán que os animais presenten unha calidade xenealóxica e sanitaria excepcional para satisfacer aos gandeiros que queren mellorar as súas explotacións.
Ao rematar a poxa, sortearase entre os asistentes 200 euros para gastar en Botica do Campo, outros 200 para gastar en Aira e tamén un lote de produtos da feira.
Ademais de maquinaria e a poxa de xovencas, Magreco ofrece tamén este ano un amplo abano de actividades para que toda a familia poida gozar da súa visita a Boimorto e mesmo quede durante toda a xornada. No polideportivo e na súa contorna, todas as persoas que visiten a feira poderán atopar os máis diversos postos de alimentación, artesanía e produtos para o campo. Haberá inchables, xogos e un circuíto de tractores a pedais para a cativada e, tamén, unha ampla oferta para poder xantar en Boimorto, con foodtrucks e tres polbeiras, ademais dos bares e restaurantes da localidade.
Talla de madeira con motoserra e doma de cabalos
Unha das novidades do programa deste ano é a exhibición de doma de cabalos de pura raza galega, que realizará a Asociación Pura Raza Cabalo Galego o sábado a partir das 17.30 horas.
Durante a fin de semana, Eugenio Liñares tamén fará unha exhibición de talla de madeira con motoserra, que sen dúbida sorprenderá ao público.
A xornada de formación Agrofortec, centrada na transferencia tecnolóxica para o sector agrario e forestal (venres de 9.00 a 12.30) e o obradoiro infantil Elabora a túa granxa de madeira (domingo, 16.30 horas) completan o amplo programa de Magreco 2026.






