Magreco volve a Boimorto os días 23 e 24 de marzo con actividades para profesionais e público en xeral

·      A feira de maquinaria agrícola e forestal cumprirá o seu décimo aniversario cunha completa exposición de marcas e novidades

·      O programa inclúe un mercado de artesanía e produtos do campo, charlas sobre pragas e hortas, e obradoiros de olería e estampaxe textil 

·      O domingo celebrarase a tradicional poxa de xovencas e pechará a cita un concerto de Xascariz

·      A rapazada poderá disfrutar de inchables e un circuíto de tractores a pedais durante toda a fin de semana

·      Increméntase a oferta de postos de alimentación e foodtrucks para quedar a xantar e pasar o día 

 

Magreco, a feira de maquinaria agrícola, industrial e de xardín de Boimorto, celebrará o seu décimo aniversario os días 23 e do 24 de marzo cun amplo programa de actividades dirixidas tanto aos profesionais do sector agrogandeiro como ao público en xeral, o que converterá a cita de Boimorto no lugar perfecto para desfrutar do tempo de lecer na fin de semana. Así, ademais de asistir a unha charla sobre pragas nas explotacións gandeiras ou a concorrida poxa de gando, as persoas que visiten a feira poderán gozar dun mercado artesán, obradoiros de oficios tradicionais, exhibicións de talla de madeira ou a actuación musical de Xascariz. A cativada contará tamén con propostas especialmente pensadas para ela.

A décima edición de Magreco abrirá ás súas portas o sábado 23 de marzo ás 11 da mañá na contorna do polideportivo municipal de Boimorto cunha extensa exposición de maquinaria agrícola, forestal e de xardín que lle achegará ao público a oferta dun bo número de marcas e as últimas novidades do sector. Durante toda a fin de semana, estará aberta tamén a exposición de gando con exemplares de rubia galega e frisóns, así como o mercado de artesanía e produtos do campo. Ademais, os profesionais agrogandeiros terán á súa disposición unha oficina agraria móbil para recibir asesoramento gratuíto.

Aínda que a inauguración oficial da feira está fixada para as 12.30 horas, as actividades programadas iniciaranse coincidindo coa apertura de portas ás once da mañá. A esa hora comezará na carpa da poxa de gando unha charla de Nicasio Mejuto Martí, subdirector xeral de Explotacións Agrarias da Xunta, na que falará sobre as “Pragas emerxentes que afectan ás explotacións gandeiras”. 

Unha hora máis tarde, ás doce, comezará o primeiro dos dous obradoiros de olería, que se desenvolverán na carpa da poxa cunha duración de dúas horas. Poden participar de balde persoas de todas as idades, coa condición de que os menores de 7 anos estean acompañados dunha persoa adulta. As prazas estarán limitadas a vinte persoas por quenda, polo que é necesaria inscrición previa mandando un correo electrónico a cultura@boimorto.es. e terán preferencia tanto a cativada como as persoas empadroadas en Boimorto. O segundo obradoiro realizarase xa pola tarde a partir das 16.00 horas. 

Trala apertura oficial de Magreco, chegará ás 13.00 horas a inauguración do Paso de Vaca, unha iniciativa da Casa Grande de Xanceda para visibilizar o rural nos pasos peonís, e a partir das 18.00 desenvolverase unha nova charla que, centrada na “Horta ecolóxica”, correrá a cargo de Rosendo Luis Estévez Parada, técnico en explotacións agrícolas que lidera a mrpesa Trasdeza Natur de froitas e verduras ecolóxicas deshidratadas. 

Pero unha das propostas que, sen dúbida, chamará o sábado a atención dos visitantes será a exhibición de talla en madeira con motoserra, que terán a oportunidade de ver ao longo de todo o día.

O domingo traerá, pola súa parte, unha das citas que máis expectación esperta entre as persoas asistentes a Magreco. Trátase da poxa de xovecas das razas rubia galega e frisoa coa que os gandeiros buscan mellorar as súas explotacións e na que as asociacións Africor, que coordinará a poxa dos exemplares de raza frisoa, e Acruga, que supervisará a de rubia galega, garantirán que os animais presenten unha calidade xenealóxica e sanitaria excepcional. A poxa, que contará coa presenza do conselleiro en funcións de Medio Rural, José González, rematará co sorteo de 200 euros, un lote de produtos da feira e unha das esculturas de madeira talladas o sábado coa motoserra.

Outro dos platos fortes do día será o concerto do gaiteiro Xascariz, que servirá para poñerlle o colofón ao décimo aniversario de Magreco ás 19.00 horas na carpa da poxa. 

Actividades para público familiar

A rapazada terá gran protagonismo en Magreco 2024. Durante toda a fin de semana, nenas e nenos gozarán de inchables de balde e dun circuíto infantil con tractores a pedais. Ademais, poderán participar no sorteo dun tractor a pedais e outros dous modelos a escala, doados polas empresas expositoras da feira de maquinaria agrícola.

Asemade, os máis pequenos poden xa inscribirse nun obradoiro de estampaxe de tela, que se desenvolverá o domingo ás 16.00 horas. Este taller, para cativada nada dende 2020 en adiante, conta con prazas limitadas (15), polo que é necesaria inscrición mandando un correo electrónico a cultura@boimorto.es antes do 21 de marzo, indicando a talla de camiseta. A dispoñibilidade de praza confirmarase tamén por mail.   

Atendendo á demanda de familias e visitantes, e de cara a facilitar que as persoas asistentes  poidan pasar o día en Magreco desfrutando da feira, do mercado e de todas as actividades programadas, este ano incrementarase a oferta de postos de alimentación e foodtrucks para quedar a xantar e pasar o día. Non faltará, por suposto, o tradicional polbo.

 

Category: