· A poxa de novillas frisoas e rubias celebrarase o mediodía do domingo
· A cita contará con diversas actividades para que desfrute toda a familia
· Aumentará a oferta para xantar, atendendo a unha demanda do público
O Concello de Boimorto amplía este ano a tres días a feira multisectorial Magreco, que se vai celebrar a última fin de semana de marzo. A poxa de xovencas frisoas e rubias, que comezará o domingo ao mediodía, será un dos principais atractivos dun evento que do 28 ao 30 de marzo xuntará na capital do municipio a milleiros de persoas de toda Galicia.
Moitos agricultores e gandeiros achegaranse ata Boimorto do 28 ao 30 de marzo para coñecer as últimas novidades na mostra de maquinaria agrícola, forestal e de xardín, que representa unha das sinais de identidade de Magreco. Diferentes casas comerciais amosarán no campo de Rosario de Boimorto as últimas novidades das principais marcas.
Así mesmo, no polideportivo e na súa contorna, todas as persoas que visiten a feira poderán atopar os máis diversos postos de alimentación, artesanía e produtos para o campo.
Por suposto non faltará en Magreco 2025 a exposición de gando vacún. Os animais poderán verse durante toda a fin de semana, aínda que será o domingo, día 30, cando os gandeiros celebren a súa gran cita na tradicional poxa de xovencas. As asociacións de gandeiros Africor, que coordinará a poxa dos exemplares de raza frisoa, e Acruga, que supervisará a de rubia galega, garantirán que os animais presenten unha calidade xenealóxica e sanitaria excepcional para satisfacer aos gandeiros que queren mellorar as súas explotacións.
Ao rematar a poxa, sortearase un lote de produtos da feira e unha hidrolimpiadora.
A feira e o mercado completaranse cun programa de actividades para que toda a familia poida gozar da súa visita a Magreco e mesmo queden durante toda a xornada. Así, quen queira xantar na feira poderá facelo na pulpería e nos diferentes postos de comida e foodtrucks dispoñibles, que nesta edición medrarán en cantidade atendendo á demanda do público.
Magreco 2025 contará tamén con varias charlas de interese para os profesionais do sector agrogandeiro. A cativada, pola súa parte, poderá gozar con diferentes xogos.