-
A poxa de xovencas de rubia galega e de frisoas desenvolverase no mediodía do domingo 30
-
A cita contará cunha ampla exposición de maquinaria agrícola, forestal e de xardín, con mercado, con postos para comer e con inchables
-
O programa complétase con charlas de interese para o sector, obradoiros para persoas adultas e miúdas ou un espectáculo de cetrería
O Concello de Boimorto amplía a tres días a feira multisectorial Magreco, que celebrará do 28 ao 30 de marzo a súa undécima edición. O público poderá desfrutar durante toda a fin de semana das exposicións de maquinaria agrícola, forestal e de xardín, do mercado e de diferentes postos de alimentación. O domingo 30 desenvolverase a tradicional poxa de xovencas de raza rubia e frisoa.
A exposición de maquinaria agrícola, forestal e de xardín, que reúne no campo do Rosario unha completísima mostra das últimas novidades ofrecidas polas principais marcas do sector, abrirá Magreco 2025 o venres 28 de marzo.
Será o sábado 29 cando se celebre o acto de apertura oficial da feira, ao mediodía. As portas abrirán ás 11 da mañá e xa un cuarto de hora antes, ás 10.45 h., comezará unha charla sobre a Política Agraria Común (PAC), que impartirá na carpa da poxa o xefe de servizo do FOGGA (Fondo Galego de Garantía Agraria), Javier Franqueira.
Esta charla de interese para o sector agrogandeiro daralle continuidade á que o sábado anterior á feira, día 22 de marzo, tratará sobre sulfatos ecolóxicos e correrá a cargo de Rosendo Luis Estévez, fundador da cooperativa de agricultura ecolóxica Trasdeza Natur.
Tamén hai que sinalar que agricultores e gandeiros terán á súa disposición unha unidade móbil da Oficina Agraria para poder resolver as súas dúbidas e facer algúns trámites.
O sábado 29 de marzo ao longo de todo o día, as persoas asistentes á feira terán a oportunidade de gozar dunha exposición de cetrería, que se completará cun espectáculo de exhibición de voo ás 13.00 horas, e da degustación de produtos do mar grazas á foodtruck da campaña Galicia sabe amar da Xunta de Galicia.
Tamén se desenvolverán distintos obradoiros. Haberá dous para persoas adultas, un de coiro que dará comezo ás 12.30 horas, e outro de macramé, que empezará ás 18.30 horas. Pola súa parte, a cativada de máis de catro anos (nadas antes de 2021) poderán participar nun taller de decoración de macetas a partir das 16.30 horas. Todos os obradoiros teñen un aforo máximo de 15 persoas e, para inscribirse, as persoas interesadas deberán inscribir indicando os seus datos ao correo electrónico cultura@boimorto.es. A praza será confirmada pola mesma vía.
O domingo desenvolverase un dos platos fortes de Magreco: a poxa de xovencas das razas rubia galega e frisoa. Esta poxa contará coa presenza da directora territorial de Medio Rural, Nieves Mancebo, e ao remate procederase ao sorteo de 200 euros doados por Botica do Campo, dun lote de produtos da feira e dunha hidrolimpadora.
Ás 16.00 horas, iniciarase un novo obradoiro infantil, nesta ocasión dedicado á elaboración de pan. As inscricións realizaranse por correo electrónico en cultura@boimorto.es e terán preferencia as nenas e os nenos empadroados no Concello de Boimorto.
Polbeiras e foodtrucks
Para poder desfrutar da feira durante todo o día, instalaranse diversos postos de comida. Haberá tres polbeiras e foodtrucks con diferentes propostas, ademais de postos de alimentación variados.
Magreco quere ser un ano máis un plan para toda a familia. Ademais dos obradoiros infantís, nenas e nenos contarán con inchables gratuítos durante toda a fin de semana e tamén poderán poñer a proba a súa habilidade ao volante no circuíto de tractores a pedais o sábado ao longo de toda a xornada e o domingo pola tarde.