O Espazo Gastro da Deputación e a entrega de premios do concurso de decoración foron dos actos máis concorridos no Mercado de Nadal de Boimorto

·      A chef Nair González volveu sorprender cos garavanzos con setas e queixo e os queixos temperados con pera e noces 

·      A visita de Papá Noel repartiu ilusión entre a cativada

·      Casa Germán e Rodrigo Saa Carreira levaron os premios polas súas decoracións de Nadal na categoría de vivenda, e supermercado Alipox na de establecementos

 

Se Papá Noel foi a gran atracción para a cativada nesta terceira edición do Mercado de Nadal de Boimorto, os garavanzos con setas e os queixos temperados volveron sorprender este domingo ás persoas que asistiron ao showcooking de Nair González no Espazo Gastro da Deputación da Coruña. No polideportivo municipal déronse cita centos de persoas para visitar os postos de artesanía, alimentación e agasallos nun evento organizado polo Concello de Boimorto. Casa Germán e supermercado Alipox foron os gañadores do Concurso de decoración de Nadal na categoría de vivendas e establecementos, respectivamente.

O domingo, a chef Nair González volveu recoller os parabéns dos asistentes que degustaron os dous pratos que preparou no Espazo Gastro da Deputación d Coruña: garavanzos con setas e queixo, e queixos temperados con pera e noces e crocante de pan

O Espazo Gastro da Deputación da Coruña, que ten por obxectivo promocionar a gastronomía da provincia, foi este ano un dos atractivos da fin de semana, nas dúas xornadas de exhibición da chef Nair González, do restaurante Muelle 43 de Mugardos. Se o sábado sorprendía cunhas filloas recheas de lacón con grelos, salsa de garavanzos e aceite de chourizo, en honor ao seu “segundo pai”, o domingo volvía repetir éxito e recoller os aplausos do público cos dous platos que elaborou en directo.

O Mercado de Nadal de Boimorto abriu a súa terceira edición o sábado no polideportivo de Boimorto con postos de artesanía, alimentación e agasallos de Nadal. Entre eles atopábase un moi especial, chamado ‘Man solidaria’, atendido por persoal da residencia municipal de maiores no que se poden adquirir produtos elaborados ou doados polas persoas residentes. O recadado destinarase para facer unha actividade especial na residencia. 

A visita de Papá Noel foi a gran atracción as dúas tardes no Mercado de Nadal repartindo ilusión e moita alegría entre a cativada. Nenos e nenas, e tamén persoas maiores, achegáronse para falar con el, entregarlle as súas cartas e lembrarlle que non se esqueza de traerlle os seus regalos favoritos.

O espectáculo de música e maxia do Mago Teto Rocik ‘N’Magic puxo o colofón a un intenso sábado, nunha actuación moi concurrida que estivo cofinanciada pola Deputación da Coruña.

Os obradoiros para cativada e maiores foron outras das actuacións moi concorridas desta iniciativa do concello.

Premios do Concurso de decoración de Nadal

O domingo, a alcaldesa Chus García Novo, entregou os premios do Concurso de decoración de Nadal e agradeceu a participación da veciñanza e dos comerciantes que se animaron a decorar as súas casas e os seus negocios. Tivo tamén palabras de recoñecemento para os establecementos que doaron os premios e para a Deputación da Coruña, que colaborou co Concello na organización desta terceira edición do evento.

Acompañada polos concelleiros Marcos Fernández e Javier Soto a alcaldesa entregoulle o primeiro premio na categoría de establecementos ao propietario de supermercado Alipox, que recibeu un vale de 100 euros para unha comida ou cea en Casa Nené. Na categoría de vivendas, o primeiro premio foi para Casa Germán, que recibíu como agasallo unha noite de aloxamento e almorzo en Cabanas Rías Baixas. Rodrigo Saa Carreira recolleu o segundo premio, unha comida ou cea por valor de 80 euros en Fonte do Picho.

Chus Novo agradeceu o traballos das tres integrantes do xurado, “que tiveron que tomar unha difícil decisión para elixir aos gañadores deste concurso”. A alcaldesa entregoulles un agasallo a Eva, de Eco e Natural; a Lorena, de Lorena Barciela, e a Marita, de A Martela.

O Mercado de Nadal pechou a súa terceira edición o domingo coa visita de Papá Noel e co sorteo de agasallos as persoas que compraron produtos nos postos instalados no polideportivo. A concelleira Patricia Taboada e o edil Marcos Fernández entregaron o lote de produtos do mercado e unha selección de produtos de Casa Grande de Xanceda.

Podes ver na páxina de Facebook do Concello o album de fotos da xornada do domingo do Mercado de Nadal de Boimorto