Os gandeiros poderán poxar en Boimorto por unha ducia de xovencas de razas frisoa, jersey e rubia galega

A poxa de xovencas de Magreco, fixada para o domingo ao mediodía, contará cunha ducia dos mellores exemplares das razas frisoa, jersey e rubia galega a disposición dos gandeiros que queiran mellorar as súas explotacións. A feira de maquinaria agrícola e produtos ecolóxicos de Boimorto que se celebra esta fin de semana do 25 e do 26 de marzo contará tamén cuns trinta expositores de equipamento para campo e xardín e outro medio cento de postos de artesanía e alimentación, ademais de promover diversas actividades dirixidas tanto aos profesionais do sector agrogandeiro como ao público en xeral.

A poxa de xovencas é unha das citas que máis expectación xeran en Magreco. Na presente edición, Africor, asociación encargada de velar pola mellora xenética da raza frisoa, acudirá á feira de Boimorto cunha decena de animais e levará tamén por primera vez dous exemplares de raza jersey. As xovencas, todas xa paridas, pertencen a recoñecidas gandeirías da contorna, en concreto de Arzúa, Toques, Curtis e Boimorto. Completarán a poxa tres animais procedentes da granxa de recría da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún de Rubia Galega, Acruga, que presentará preñadas as súas xovencas.

Os profesionais do sector agrogandeiro contarán tamén con outra convocatoria ben interesante o sábado ás 11.00 horas no comedor do colexio de Boimorto. Trátase dunha charla sobre a Política Agraria común para o periodo 2023-2027, que correrá a cargo do xefe de sección do servizo de axudas agrícolas da PAC do Fondo Galego de Garantía Agraria, José Luis Acción Porto. A esta sesión informativa, que ten entrada libre, asistirá tamén o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

As axudas da PAC e doutras convocatorias de subvencións poderán tramitarse na mesma feira na Oficina Agraria Móbil, servizo itinerante da Xunta que prestará información e asesoría administrativa a todas as persoas que o desexen o sábado pola mañá, entre as 10 e as 14.30 horas.

Gandeiros e agricultores poderán coñecer así mesmo en Magreco as novidades en maquinaria agrícola que ofertan as distintas casas comerciais, grazas a unha trintena de expositores que se instalarán durante toda a fin de semana na finca habilitado en fronte do campo do Rosario.

Esta cumprida exposición de maquinaria agrícola complétase cunha exhibición de tractores antigos que xera gran interese entre o público en xeral. Por primera vez, haberá tamén unha mostra de maquinaria para xardín. 

No interior do polideportivo, as exposicións continúan con medio cento de postos dedicados á artesanía e á alimentación, cunha destacada presenza de produtos ecolóxicos e con certificación de orixe. 

Un bo plan para a fin de semana

O público en xeral poderá gozar o sábado dun concerto de Leirabuxo (20.30 horas, Campo da Feira), así como dunha atractiva programación infantil. Inchables gratuítos durante toda a fin de semana, un circuíto vial con tractores a pedais para os máis peques (sábado pola mañá), obradoiros de elaboración de queixo fresco (sábado ás 13.00, 16.00 e 18.00 horas, inscricións en cultura@boimorto.es ou presencialmente dende trinta minutos antes do comezo) e un pasarrúas cos Bolechas (domingo, ás 17.00 h) convidan a desfrutar de Magreco en familia. Polbeiro e food trucks ofrecerán diversas opcións para comer no propio recinto feiral.