A poxa de xovencas de Boimorto acadou un grande éxito de participación e ventas por máis de 40.000 euros

O grande éxito de participación e ventas rexistrado esta mañá en Magreco confirmou unha edición máis, e xa van nove, o gran interese que esperta na feira a poxa de xovencas. Vendéronse as doce vacas que entraron na poxa e o volume de ventas total acadou os 40.200 euros cun exemplar que chegou aos 4.100 euros. A poxa serviu tamén para renderlle homenaxe a Cañetas, empregado da asociación Africor que morreu o pasado mes de xuño.

A poxa desta mañá en Boimorto comezou coa venda de tres xovencas preñadas de rubia galega procedentes da granxa de recría de Acruga, asociación de criadores de raza rubia galega. Os tres animais, que partían cun prezo de saída de 2.000 euros chegando unha delas aos 2.300 euros, foron adxudicados á gandeiría Agro Despensa de Touro.

Africor, a asociación que vela pola xenética da raza frixoa, participou na poxa con dez vacas xa paridas que en todos os casos superaron o prezo de saída. A gandeiría Xesteiro de Zas marcou o prezo máximo, 4.100 euros, facéndose cun animal de Sat A Campa. Aos 4.000 euros chegou tamén a xovenca pola que puxou Miguel Cao, de Santiago,un exemplar da SAT 828 Ilma. O terceiro animal máis caro foi para Mesía e en concreto para a gandeiría García Candal, que ofreceu 3.950 euros por unha vaca de Sat A Mella. 

No prezo medio da poxa de Africor, que quedou fixado en 3.300 euros, compraron tamén María José Uzal, de Frades, e a gandeiría Fonte de Casanova de Santa Comba. O resto dos animais, cinco, quedaron en Boimorto. Comprou dous María Luisa García e os outros tres La Sobreira SAT, que se adxudicou as dúas xovencas de jersey, raza que por primeira vez participaba na poxa e que marcaron os prezos máis baixos: 2.450 e 2.700 euros.

Tanto o Concello de Boimorto como Africor quixeron aproveitar a poxa para renderlle unha sentida homenaxe a Francisco Rego López, Cañotas, empregado da asociación falecido o pasado mes de xuño e gran impulsor da poxa de Magreco, tal e como destacou a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, antes de entregarlle á muller e aos dous fillos un detalle conmemorativo. 

O sorteo dunha hidrolimpadora e un lote de produtos da feira púxolle o punto final á poxa, dándose a casualidade de que o principal agraciado foi o exalcalde de Boimorto, Ignacio Portos.

Magreco, a feira de maquinaria agrícola e produtos ecolóxicos, está a rexistrar nesta xornada de domingo unha grande afluencia de público animado polo bo tempo. En Boimorto atopa case un cento de expositores que ofrecen as últimas novidades en equipamento para as explotacións agrogandeiras, así como artesanía e alimentación.

Entre os visitantes contouse esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que percorreu as distintas exposicións na compañía da alcaldesa de Boimorto.

Magreco despedirase esta tarde cun pasarrúas dos Bolechas.