En marzo de 1981 un padexeiro que estaba a realizar unhas tarefas nunha finca do lugar de Vilanova atopouse de repente cunha “pedra” peculiar, que tiña unhas marcas curiosas, e decidiu apartala e gardala. Este home con este sinxelo feito conseguiu recuperar unha das escasas referencias romanas que se conservan en todo o concello.
Esta “pedra” era moito máis do que semellaba ser, resultou que tiña unha inscrición moi peculiar que segundo a traducción do catedrático D. Isidoro Millán González-Pardo e o académico da Real Academia da Historia D. Luis Monteagudo, os encargados da traducción, literalmente di:
"O Emperador Cesar Gaio Xulio Vero Maximo (tiña que decir Maximino) Pio, Feliz, Augusto, Xermanico, Dacico Maximo, Sarmatico, Pontifice Maximo, con potestade tribunicia, Emperador por 7ª vez, Pai da Patria, Consul, Proconsul, e a Gaio Xulio Vero Maximo, Nobilisimo Cesar, Dacico Maximo, Principe da Xuventude, Fillo do noso Senor Gaio Xulio Maximino, Pio, Feliz, Augusto".
Unha pedra de forma cilíndrica con esta inscrición non pode ser outra cousa máis que un dos miliarios que indican a presenza dunha vía romana pola zona, coa conseguinte relevancia que este feito ten. Posto que non só indica as boas comunicacións da nosa terra senón que tamén indica o paso de peregrinos polo concello cara Santiago de Compostela. O achado desta "pedra" fixo que non se tivese dúbidas sobre o paso do Camiño de Santiago por Boimorto,a Variante da Costa do coñecido como Camiño do Norte.