Este cancioneiro popular de Boimorto, comeza a tomar corpo no ano 1978 a partir dunha experiencia pedagóxica realizada cos alumnos e alumnas do Colexio Público Armando Cotarelo Valledor, que recolleron parte do corpus literario do cancioneiro.
O obxectivo desta primeira recolleita era prestixia-la lingua, estudala e profundar nos recursos literarios que nos ofrecían as cantigas. A motivación do alumnado causou sorpresa e mesmo lle serve ó autor para profundar no estudo do material colectado daqueles rexos labregos que, sen seren estudosos de leis nin procesos estilísticos, tiñan un gran coñecemento do corpus literario e musical do cancioneiro tradicional.
Antonio Rico Ramos, dos Currás, Antonio García Sandá, O Gordo, e a súa irmá Esperanza, da parroquia de Cardeiro, Obdulia Vidal e Xosé Carreira da Cela e Xosé de Codesido e Ramona Taboada Valiño do Marco, da parroquia de Sendelle, foron os informantes que lle deron forma definitiva a este cancioneiro, publicado no ano 1988 pola editorial Galaxia, na súa primeira edición, co título de Cancioneiro popular das Terras do Tamarela.
Unha vez redactada e publicada esta primeira edición, foron aportando novos datos estes e outros informantes de diferentes parroquias de Boimorto que complementan esta nova edición.
Presentamos agora aquelas melodías, e un grupo moi reducido doutras que quedaron fóra daquela primeira edición, coa intención de que as xeracións máis novas recuperen este cancioneiro e os transmitan de forma colectiva. Este corpus lírico musical aquí presentado pretende ter, xa que logo, un valor utilitario e divulgativo do cancioneiro para os habitantes desta zona.
Para facilitar a lectura e execución das partituras no momento de ser cantadas unimos o grupo rítmico e métrico. A velocidade indicada na parte superior esquerda en cada canción tamén corresponde ó pulso básico aproximado. Para unha mellor asociación dos versos literarios e musicais represéntanse completos en cada pentagrama aínda que ás veces é necesario subdividir o grupo rítmico que se complementa coa parte correspondente no seguinte pentagrama e por iso aparecen sen barra ou liña divisoria.
O material musical preséntase agora clasificado nestes capítulos:
2. Os alalás e os cantos de labor
3. As muiñeiras vellas ou pandeiradas