Boimorto incorpora o espazo gastro da Deputación ao Mercado de Nadal que organiza esta fin de semana

  • As persoas asistentes poderán degustar os pratos elaborados pola chef Nair González tanto o sábado como o domingo 
  • Haberá obradoiros para cativada e maiores, actuará o Mago Teto e  entregaranse os premios do concurso de decoración de Nadal
  • Papá Noel visitará o polideportivo municipal as dúas tardes

 

 

O Concello de Boimorto organiza esta fin de semana a terceira edición do Mercado de Nadal que este ano incorpora como principal novidade o espazo gastro da Deputación da Coruña para promocionar a gastronomía da provincia. Ademais de obradoiros para todas as idades, Papá Noel achegarase ata o polideportivo municipal o sábado e o domingo para recoller as peticións da cativada.

Nair González, do restaurante Muelle 43 de Mugardos, desprazarase esta fin de semana ata Boimorto para promover a gastronomía local no Mercado de Nadal, que organiza o Concello no polideportivo municipal en colaboración coa Deputación da Coruña. Este sábado, 13 de decembro, de 12.00 a 18.00 horas a chef ofreceralle a veciñanza e visitantes a posibilidade de degustar filloas rechas de lacón con grelos, ñoquis en salsa de queixo de Arzúa, salteado de ñoquis con grelos e cremoso de queixo de Arzúa e Galmesano e mazá caramelizada. O domingo, entre 12.00 e 14 horas, as propostas incluirán queixos temperados con pera e noces e crocante de pan e garavanzos con setas e queixo.

O espazo gastro forma parte da iniciativa da Deputación da Coruña A paisaxe que sabe, dirixida a  promover a gastronomía da provincia como un dos seus atractivos turísticos.

Entre as actividades programadas no Mercado de Nadal de Boimorto cóntanse tamén varios obradoiros para cativada e persoas adultas. Os maiores poderán participar en talleres para facer cadros con flores e adornos colgantes de Nadal, mentres que nenas e nenos están convidados a decorar as súas propias bolsas de tela.

Pero, sen dúbida, un dos momentos máis esperados pola cativada será a visita de Papá Noel. Poderán trasladarlle os seus desexos e entregarlle as súas cartas o sábado, de 17.00 a 19.00 horas e terán unha nova oportunidade o domingo de 16.30 a 18.00 horas.

O Mercado de Nadal abrirá as 12.00 horas os dous días. O sábado pechará as oito da tarde, despois de que o Mago Teto sorprenda ao público co seu espectáculo de maxia e música en directo Rock ‘N’Magic, que comezará ás 19.00 horas e que conta co apoio da Deputación.

O domingo pola mañá entregaranse os premios do Concurso de decoración e iluminación de Nadal e, tras unha completa xornada, o mercado pechará as súas portas ás 18.00 horas.