As filloas recheas de cocido sorprenderon ao público no Mercado de Nadal de Boimorto

  • A chef Nair González elaborou este prato en honor ao seu “segundo pai”, natural de Boimorto, no Espazo Gastro da Deputación da Coruña
  • Postos de artesanía, agasallos e alimentación na iniciativa pomovida polo Concello
  • A visita de Papá Noel repartiu ilusión entre a cativada

Se Papá Noel foi pola tarde a gran atracción para a cativada nesta terceira edición do Mercado de Nadal de Boimorto, a filloa de cocido sorprenden ás persoas adultas que asistiron ao showcooking do Espazo Gastro da Deputación da Coruña despois de visitar os postos de artesanía, alimentación e agasallos que se deron cita no polideportivo municipal de Boimorto.

“A filloa rechea de lacón con grelos, salsa de garavanzos e aceite de chourizo é un prato en honor ao meu segundo pai, que era de Boimorto, e que sempre me pedía que llo preparara”. Así se presentou esta mañá no Mercado de Nadal Nair González, que “naceu nunha cociña” hai 43 anos. “Cando meus pais abriron o restaurante Muelle 43, en Mugardos, eu tiña un mes”, dixo quen se define a si mesma como “cociñeira mellor que chef”.

A elaboración desta filloa sorprendeu ao público que asistiu ao showcooking do Espazo Gastro da Deputación, por ser “un prato de aproveitamento que está boisimo”,  como indicaban algunhas das persoas presentes.

O Mercado de Nadal de Boimorto abriu a súa terceira edición na mañá deste sábado no polideportivo de Boimorto con postos de artesanía, alimentación e agasallos de Nadal. Entre eles atópase un moi especial, chamado ‘Man solidaria’, atendido por persoal da residencia municipal de maiores no que se poden adquirir produtos elaborados ou doados polas persoas residentes. O que se recaude destinarase para facer unha actividade especial na residencia.

Outro dos postos que destacou neste mercado foi o de Arte con anos de vidano que se puideron ver os traballos do curso de manualidades do Centro Social de Maiores de Boimorto, financiado pola Deputación da Coruña. 

 Pola tarde, Papá Noel apareceu no Mercado de Nadal repartindo ilusión e moita alegría entre a cativada. Nenos e nenas, e tamén persoas a adultas, achegáronse para falar con el, entregarlle as súas cartas e lembrarlle que non se esqueza de traerlle os seus regalos favoritos.

A Deputación da Coruña tamén financiou oespectáculo de música e maxia do Mago Teto Rocik ‘N’Magic, que fixo gozar as persoas presentes e puxo o colofón a un intenso día.

O Mercado de Nadal volve abrir mañá, domingo, no polideportivo de Boimorto ás 12.00 horas. Ademais do Espazo Gastro da Deputación, no que Nair González seguirá facendo pratos elaborados con produtos de proximidade, haberá obradoiros e a entrega de premios do concurso de Decoración de iluminación de Nadal.

Papá Noel chegará sobre as 16.30 horas e recibirá a cativada ata o peche do mercado, sobre as seis da tarde.

Podes ver na páxina oficial de Facebook do Concello de Boimorto o album de fotos da xornada do sábado