MAGRECO 2023 25-26 MARZO DE 2023

A exposición de maquinaria agrícola e forestal contará este ano tamén con aparellos para o xardín

Produtos con denominación de orixe galega, os ecolóxicos e a artesanía son outro dos atractivos da feira

O Concello de Boimorto, en colaboración coa Consellería de Medio Rural, vai celebrar a última fin de semana de marzo unha nova edición de Magreco, a feira de maquinaria agrícola e forestal e produtos ecolóxicos. Despois de tres anos de ausencia pola pandemia, o domingo, día 26, a tradicional poxa de xovencas frisoas e rubias volverá ser un dos principais atractivos de Magreco, que sempre xunta a numerosos gandeiros dispostos a mercar os mellores exemplares para as súas explotacións.

Nesta edición de 2023 non faltarán en Magreco a tradicional exposición de maquinaria agrícola e as mostras de artesanía, de produtos ecolóxicos e con denominación de orixe galega. Como novidade, a feira incorpora este ano unha exposición de maquinaria para xardín.

Os arredores do polideportivo municipal de Boimorto encheranse os días 25 e 26 de marzo, sábado e domingo, de maquinaría agrícola, forestal e para xardín, de xeito que gandeiros, agricultores  e tamén curiosos poidan coñecer de primeira man algunhas das novidades que ofertan as diferentes casas comerciais. 

Os asistentes poderán gozar tamén dunha ampla zona dedicada a alimentación, na que se lle prestará especial atención aos produtos ecolóxicos e aos certificados con denominación de orixe galega. Coma en todas as edicións, a artesanía terá o seu espazo no pavillón coa instalación de diversos postos, que lle permita aos visitantes coñecer e mercar obxectos de todo tipo.

Un dos actos máis agardados e concorridos do Magreco é, sen dúbida, a poxa de  xovencas, que se celebrará o domingo 26 a partir das 12 da mañá, e que este ano contará cunha ducia de exemplares de raza frisoa e tamén de rubias galegas. A poxa de frisonas estará coordinada pola asociación de gandeiros Africor, para garantir que os animais presentan unha calidade xenealóxica e sanitaria excepcional. Pola súa banda, a Asociación Nacional de Criadores de Ganado Vacuno Selecto de Raza Rubia Gallega (Acruga) encargarase da poxa das rubias galega

A pesares de que as vacas estarán expostas toda a fin de semana nas instalacións de Magreco, non será ata o domingo ao mediodía cando se celebre a poxa. Ao remate da mesma, o Concello de Boimorto sorteará unha hidrolimpadora e un lote de produtos da feira entre todas as persoas presentes.

Para a organización de Magreco, o Concello de Boimorto conta coa colaboración da Consellería de Medio Rural, Tractor Ocasión e Africor Coruña.

Tags: