Boimorto a través da súa historia.
1. Introdución
O concello de Boimorto está integrado na actualidade polas freguesías de Santiago de Boimorto, San Martiño de Andavao, Santa María dos Ánxeles, San Vicente de Arceo, San Miguel de Boimil, San Pedro de Brates, Santa María de Buazo, San Pedro de Cardeiro, San Pedro de Corneda, San Cristovo de Dormeá, San Xoán de Mercurín, San Simón de Rodieiros e Santa María de Sendelle.
Na actualidade pertence ó partido xudicial de Arzúa. Ten unha superficie de 82,34 km2 e limita polo norte cos concellos de Mesía e Vilasantar, polo sur cos concellos de Arzúa e Melide, polo leste co concello de Sobrado dos Monxes e polo oeste cos concellos de Arzúa, Frades e Mesía.
Está situado nunha zona de altitude media, cun relevo ondulado.polo que descenden as augas para a cunca do río Tambre e do río Iso.
O río Tambre recibe as augas dos seus afluentes, o río Tamarela e o río Pequeno no que desembocan os regueiros de Areas, de Candeira e do Rego do Seixo.
O río Iso, que nace no Bocelo, na parroquia de Rodieiros, configura o releve de Boimorto formando frondosos vales. Este río, a mais de recibir as augas da cunca do Tambre pola canle do Tamarela tamén recibe as augas da fonte das Ínsuas, da Sobreira, e do Ribeiro en Ribadiso para seguir o seu curso polo concello de Arzúa cara ó Ulla.
Boimorto ten un clima oceánico húmido, influenciado pola corrente cálida do Golfo que é propicio para as extensas praderías que necesita o gando vacún destinado á produción cárnica e á produción de leite e os seus derivados.
A máxima altura do concello está situada nos Montes do Bocelo a 773 m.e, na parte occidental, na cunca do Tambre, non supera os 300 m. Posúe grandes extensións de montes coma o do Bocelo, o Rebellón, o Gandarón e o monte dos Croios Brancos con plantacións de árbores frondosas aínda que na actualidade dominan os eucaliptais.
A agricultura, a gandería e a explotación dos bosques son as bases da economía do concello.
As súas parroquias, adscritas á diocese de Santiago, pertencían ó arcediagado de Cornado subdivididas nos arciprestados de Benvexo, e Sobrado.
Na década pasada, ano 2009, reorganízanse as agrupacións parroquias da arquidiocese de Santiago en vigairías e arciprestados e con ela tamén van desaparecendo nomes de entidades étnicas prerromanas que permanecían ata agora. Óarciprestado de Benvexo integrouse no de Ferreiros.
Corresponden ó arciprestado de Sobrado as freguesías de Santa María dos Ánxeles, San Pedro de Corneda, San Cristovo de Dormeá e San Simón de Rodieiros.
Corresponden ó arciprestado de Benvexo, na actualidade de Ferreiros, as freguesías de Santiago de Boimorto, San Martiño de Andavao, San Vicenzo de Arceo, San Miguel de Boimil, San Pedro de Brates, Santa María de Buazo, San Pedro de Cardeiro, San Xoán de Mercurín e Santa María de Sendelle.
A historia de cada parroquia foi variando a través do tempo modificando a súa importancia e mesmo as súas entidades de poboación por crearse novos lugares ou por redistribuírse entre as diferentes parroquias.
Na década de 1840 a parroquia de Santiago de Boimorto, capitalidade do concello, só tiña 11 das 19 entidades de poboación actuais: Boído, Bieite, Casal de Munín, Filgueira, A Gándara, Outeiro, O Pedral, O Rego do Pazo, Ribadiso, Ribeiro, A Taberna, Viladóniga e Vilanova. Estas entidades de poboación tan só contabilizaban 50 casas.
Na mesma década só existía en todo o concello unha escola privada á que asistían sobre 40 nenos. Despois de promulgar o goberno moderado a Lei Moyano de Instrución Pública, no ano 1857, é cando se crea a escola pública de nenos de Boimorto. A de nenas é unha escola incompleta. Tamén se crean as escolas mixtas de Andavao, Brates e Dormeá aínda que non funcionarán, dunha forma estable, ata a segunda década do século XX mais, coa guerra civil, aínda se van acrecentar estas limitacións sobre todo na dotación de docentes titulados.
A partir da reforma eclesiástica do bispo García Cuesta, no ano 1867, a parroquia de Santiago de Boimorto deixa de ser anexo de Santa María de Sendelle e incorpora as aldeas de Cheda, Franzomil, O Pedral, O Rego do Seixo e A Sobreira. Ata esta data A Sobreira e O Rego do Seixo pertencían á parroquia de Boimil; O Pedral pertencía ó anexo da Mella; Franzomil pertencía a Sendelle e Cheda a Cardeiro.
2. As entidades de poboación do concello
As entidades de poboación de cada parroquia, na actualidade, son as seguintes:
Andavao (San Martiño): Areas, A Arentía, Os Casás, A Cavaxe, O Gandarón, O Hospital, Lavandeira, Orros, Parabico, A Pedreira, A Pena da Vexiga, A Pena Forcada, A Ponte Présaras, As Quintás, O Río, Rúa Nova, O Souto, A Torre, O Vilar.
Ánxeles (Santa María): Anguieiro, O Campo da Lanza, As Corredoiras, O Coto Salgueiro, A Igrexa, Liñeiro, A Pedreira, A Peroxa, A Queiroa, As Quintás, A Verea, O Vilar.
Arceo (San Vicenzo): Arosa, Os Campos, O Canto do Valo, A Carballeira, A Casa do Campo, A Casanova, O Castelo, A Cerdeiriña, A Corredoira, A Eirixe, Os Guerras, A Leira Longa, Lobomorto, Os Muíños de Valdoña, O Outeiro, O Pazo, Peizás, A Ponte Boado, A Ponte Castro, As Quintás, Santarandel, A Telleira, Vilaverde de Abaixo, Vilaverde de Arriba.
Boimil (San Miguel): A Baiuca, A Casanova, As Casetas, A Cernadela, Cimadevila, Codesido, O Coto, Covas, O Cruceiro, Desecabo, Gárdoma, A Igrexa, As Lamas, A Lesteira, O Real, Vista Alegre.
Boimorto (Santiago): Os Asentos, Bieite, O Boído, Casal de Munín, Filgueira, A Gándara, A Granxa, O Outeiro, O Pedral, Piñeiro, O Real, O Rego do Pazo, O Rego do Seixo, Ribadiso , O Ribeiro, A Roda, A Sobreira, Viladónega e Vilanova.
Brates (San Pedro): Abuís, Barral, Bertomil, Carballido, O Casal, Fontao, Nogaredo, O Pazo, Pena, Pencellas, Pousada, Sisto, Valado, Vieiro.
Buazo (Santa María):Aquelavila, A Cabana, Froxá, A Sobreira, O Souto, Teixide
Cardeiro (San Pedro):O Castro, A Cheda, Os Currás, Freixido, A Igrexa, Lamas, As Moscosas, Piñeiro, Toá, As Xesteiras.
Corneda (San Pedro): Os Bolecos, As Chousas, Os Condes, O Cruceiro, O Curro Pequeño, A Estrada, Outeiro, Paredes, O Rego de Ará.
Dormeá (San Cristovo):A Algaria, Barrio, O Batán, Boavista, O Campo do Ollo, O Cando, A Chavella, O Cruceiro, Dormeá, Eixón, Fornelos, Insua, O Marmoiral, A Pereiriña, O Piñeiro, Porcelle, O Priorato, Proente, Ribadiso da Fraga, Rubial, Santalla, Segade, Sería, Tixosa, Vilanova, O Vilar.
Mercurín (San Xoán):O Barral, A Cabrita, O Campo, Ciocende, Pousada, Río, Romelas, Santar, A Vila.
Rodieiros (San Simón):Aldrá, As Casas do Monte, O Furiño, Pena Monteira, Quiñoi de Abaixo, Quiñoi de Arriba, As Rozadas, A Vila, Vilar de Suso, Zaín.
Sendelle (Santa María):A Abeleira, A Cela, Frádega, Franzomil, As Galiñeiras, A Igrexa, O Marco de Abaixo, O Marco de Arriba, O Pazo, O Piñeiro de Abaixo, O Piñeiro de Arriba, Samil, Sande, Vilanova, O Vilar.
3. Creación do concello
Durante a época medieval, Boimorto, estaba incluído nas terras nas que exercía a súa xurisdición a sede de Iria Flavia, posteriormente no condado de Présaras e a sede de Compostela e, finalmente, tras diferentes doazóns durante o século XII, no Mosteiro de Sobrado dos Monxes e a sede de Compostela.
Durante o Antigo Réxime, as parroquias que actualmente configuran o concello de Boimorto, pertencían ás xurisdicións de Arzúa e Mesía, da provincia de Santiago, constituídos como concellos no ano 1813. Estaban baixo o señorío do arcebispado de Santiago.
No ano 1835 créase Boimorto como concello, coas lindes e parroquias actuais, adscrito ó partido xudicial de Arzúa e á nova provincia da Coruña.
4. Acultura megalítica
Para comprender a historia desta terra de Boimorto faremos unha breve incursión nas diferentes etapas históricas: a cultura megalítica, a cultura castrexa, a cultura romana, a cultura sueva e visigótica, o medievo, etc.
Os primeiros documentos que podemos atopar son as mostras existentes de monumentos da cultura megalítica, que se desenvolveu en toda Galicia ó longo do terceiro e segundo milenio a. C., e que perduran en Andavao, Corneda ou Mercurín amais dos existentes nas parroquias dos concellos limítrofes.
O Catálogo do patrimonio histórico, arqueolóxico e etnográfico do concello relaciona a mámoa do Pinar, de Boimorto, a mámoa de Croios Brancos no lugar de Rozadas, Corneda, a mámoa do Monte de Arriba das Corredoiras, e tres mámoas no Monte da Cabrita en Mercurín. Non están catalogados os importantes menhires da parroquia de San Martiño de Andavao.
5. Acultura castrexa
Máis evidentes son as mostras da cultura castrexa que se desenvolveu desde mediados do século VIII a. C. ata o século IV d. C. Os castros, recintos fortificados, de forma oval ou circular, situados en lugares de defensa fácil, constitúen os novos asentamentos humanos desta época e, a súa distribución espacial, vai ter unha incidencia determinante na nosa historia. Ó redor de cada un ou máis castros xorden as diferentes aldeas que se van a reagrupar en parroquias, cadansúa coa súa igrexa, e así se vai consolidar unha organización social que permanece ata a actualidade.
Coñecemos a existencia dos seguintes castros: o Castro das Corredoiras, nos Ánxeles, o Castro das Medorras no lugar de Aquelavila, en Buazo , os castros do Pazo e Pousada, en Brates, o Castro da Roda e o Castro do Pedral, en Boimorto, o Castro de Cardeiro, os castros da Roda e da Algalia, en Dormeá, o Castro de Mercurín e os castros do Marco e Franzomil en Sendelle. Parece que existiron algúns máis que foron destruídos para dedicar as terras a novas agras produtivas.
O Castro da Roda de Boimorto, que conservaba íntegro o seu perímetro e os seus muros arrasouse sen realizar ningún tipo de investigación na década de 1960. O Castro das Corredoiras, aínda que realizou algunha investigación a Universidade de Santiago, arrasouse coa concentración parcelaria dos Ánxeles. Outros castros están moi deteriorados por diferentes causas: a expansión de agras para labores agrícolas e as concentracións parcelarias, realizadas pola administración agraria, que non respectou este interesante patrimonio.
Na sociedade castrexa, sociedade xentilicia na que a cohesión social viña asegurada polos lazos de sangue, a familia era a primeira unidade estrutural; unha segunda estrutura estaba formada pola centuria e unha terceira polo populus cunha referencia territorial concreta. A comunidade indíxena desta terra, as xentes establecidas na ribeira do Tambre denominábanse, segundo os historiadores romanos, os Tamaricos que confluían cos Caporos no espazo existente entre o Tambre e o Ulla.
A antiquísima organización social dos caporos, integrada polas subcomunidades, os castros, dará orixe ás parroquias no tempo dos suevos e estas permanecerán ata os nosos días.
A súa economía baseábase na gandería, na caza e nunha agricultura moi precaria dado que aínda non coñecían o arado. Traballaban o ouro, a prata, o bronce e o ferro.
6. Achegada do Imperio romano
Roma, trala campaña de Octavio Augusto, a partir do ano 19 antes de Cristo, integra Galicia na administración do Imperio Romano e isto vai supoñer un profundo cambio de romanización no asentamento, nas vilas, no traballo , na relixiosidade e, sobre todo na cultura e na lingua que dará orixe á nova lingua romance, o galego. Estamos no tempo da cultura galaico-romana na que se produce a asimilación da cultura dos romanos.
A súa permanencia en Galicia foi debida ó seu interese pola explotación mineira, que tamén se produciu no noso contorno, para o que necesitaba unha orde e unha seguridade que ía proporcionar a lexión, con “cohortes auxiliares”, que recrutaba soldados entre a poboación e que foron os primeiros difusores da súa cultura entre a poboación castrexa.
Para o mantemento desta orde tamén era necesaria unha rede de comunicacións que vai vertebrar todo o territorio galego con novas vías que se constrúen durante os dous primeiros séculos. Por Boimorto, ó pé do castro da roda, pasaba unha destas vías, construída con finalidade lexionaria, que unía o campamento de Cidadela, onde se situaba unha cohorte auxiliar, coas vías principais. Documenta esta vía o monumento viario levantado en conmemoración do Emperador que arranxou esta vía no século III.
O monumento viario descóbrese de forma fortuíta no ano 1981 ó realizar no camiño real unha explanación dado que non contaba esta vía con ningunha protección nin estaba catalogado como zona protexida a pesar de existir daquela tramos visiblemente identificados co antigo trazado.
O miliario ten esta inscrición que corresponde á proporcionada por Isidoro Millán e Luís Monteagudo traducida á lingua galega: O Emperador Cesar Gaio Xulio Vero Máximo (debería dicir Maximino) Pío, Feliz, Augusto, Xermánico, Dácico Máximo, Sarmático, Pontífice Máximo, con potestade tribunicia, Emperador por 7ª vez, Pai da Patria, Cónsul, Procónsul, e a Gaio Xulio Vero Máximo, Nobilísimo César, Dácico Máximo, Príncipe da Xuventude, Fillo do noso Señor Gaio Xulio Maximino, Pío, Feliz, Augusto.
Galicia, Gallaecia, nos primeiros anos do século V, aínda era unha provincia do Imperio Romano. Comprendía, amais do territorio actual, o convento lucense aproximadamente, o convento Bracarense, ata o río Douro, e o convento asturicense, Asturias, Cantabria e León.
7. Achegada dos suevos e dos visigodos
No ano 410, Hermerico, rei dos suevos, pacta co Imperio Romano asumir as funcións políticas que ata ese momento lle correspondían ó Emperador romano en Galicia e así nace o primeiro reino medieval, o reino suevo de Galicia.
Foi o rei suevo Teodomiro (559-570), quen, coa axuda de Martiño de Dumio, dividiu todo o seu reino, entre Asturias e Coimbra en dioceses e parroquias segundo nos mostra o seu documento Parrochiale Suevum.
Sucédeo o rei Miro (570-583). Formado baixo a tutela de Martiño de Dumio vai desenvolver unha época de florecemento cultural construíndo igrexas e mosteiros. Este rei convoca o II Concilio Bracarense no que ratifica adivisión territorial eclesiástica feita no Concilio Lucense (ano 569) asignando á Sede Iriense as daquela denominadas dioceses de Cornado (Coronatum) e Dormeá (Dormianan).
Sucedéronse varios reis suevos ata que no ano 697 comeza a breve etapa visigoda, co rei Vitiza, que da paso a un século VIII no que se dilúe o poder real e aparecen os señores territoriais e o poder da igrexa que dominaba as cidades de Astorga, Iria Flavia, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui. Fúndase a corte real no século IX, na cidade de Oviedo, libre do poder eclesiástico, e así comeza a etapa da reconquista e das repoboacións que comeza por Galicia.
8. O poder compartido: Os Reis de Oviedo e a sede Compostelá
Reinando Afonso II, educado no mosteiro de Samos, descóbrese o sartego de Santiago e comeza unha alianza do poder da igrexa e os diferentes reis que consolidan un poder efectivo no territorio fronte os señores da nobreza que defendían a súa autonomía territorial. Despois de Afonso III (866-910) o territorio do reino divídese entre os tres irmáns: o rei García reinará na zona leonesa, Froilán na zona asturiana e Ordoño II é proclamado rei da zona galaico-portuguesa.
A vía romana secundaria, que comunicaba Cidadela, convértese agora no máis primitivo camiño europeo das peregrinacións a Compostela con dúas variantes dentro do mesmo concello: A primeira opción coincidía coa vía romana. Procedente das Cruces, seguía por Folgoso, pasaba pola Pena do Real, atravesaba o río Tamarela nun bado, subía pola Peroxa, o Real de Boimil, A Baiuca, o Rego do Seixo, Vilanova, Os Asentos, O Real de Boimorto, A Gándara, Cinco Calles e Gonzar; a segunda opción das peregrinacións, bifurcábase en Vilariño, pasando a Ponte San Pedro, seguía por Hospital, Arentía, Ponte Boado e Ponte Punide. O lugar do Hospital e a capela de san Cidre coa presenza dos Templarios son signos evidentes desta bifurcación.
9. Condado de Présaras
No século IX e X aséntase en Galicia un novo clan que planifica unha nova división administrativa de Galicia en condados ou mandacións. Tres irmáns emparentados coa nova realeza de Oviedo son clave para entender a nova situación: Osorio Gutiérrez, fundador do mosteiro de Lourenzá, Hermenegildo Gutiérrez, conde de Tui, avó de San Rosendo, fundador do mosteiro de Celanova, e Aloito Gutiérrez, pai de Gundesindo Aloitiz, bispo de Iria Flavia, e de Hermenegildo Aloitiz, Conde de Présaras, fundador do mosteiro de Sobrado.
Estamos ante un clan que controla desde a súa orixe a administración monacal máis importante de Galicia, Celanova, Lourenzá e Sobrado, que controla a administración territorial, por poder do rei, e que controla a administración da igrexa nomeando bispos das dioceses máis importantes ós familiares máis próximos.
Defínese tamén unha nova división territorial a partir do citado documento Parrochiale Suevum que divide o territorio en bispados, arcediagados, arciprestados e parroquias. División territorial eclesiástica que tamén permanece con moi poucas modificacións ata a actualidade.
A repoboación de Galicia encomendada a este clan dos Aloitiz, (no val do Tambre, os condes de Présaras), vai consistir nunha nova organización daquela sociedade agraria baseada no establecemento de novas relacións sociais: unha sociedade feudal fortemente xerarquizada onde condes, abades e bispos estaban ó servizo dos reis de Oviedo e, a partir de Ordoño II, dos reis de León, que para fortalecer a Monarquía, lle van conceder grandes doazóns e privilexios a todos os mosteiros.
Ordoño II, casado con Elvira Menéndez, do clan dos Aloitiz, é proclamado rei nun concilio celebrado en Lugo coa asistencia da nobreza galega pero ó morrer o seu irmán, García, volve establecer a súa corte en León. Mais cómpre deixar a un lado as loitas dos monarcas dado que nesta terra quen realmente decide vai ser o clan citado, os mosteiros e as autoridades da igrexa, os bispos.
A parroquia de Dormeá xa fora adxudicada no ano 569 á sede de Iria Flavia. No ano 1157 dona Lupa Pérez de Traba, filla do conde de Traba, crea alí un mosteiro feminino e, poucos anos despois dona Urraca fará doazón desta abadía e os seus anexos, o coto de Dormeá, á sede de Compostela.
Esta comunidade monacal será suprimida polo arcebispo Lope de Mendoza que anexiona os seus bens a San Martiño Pinario.
O mesmo arcebispo é quen lle concede a Gonzalo Ozores de Ulloa, en préstamo, as freguesías de Sendelle e Boimorto amais doutras de Sobrado.
Tamén se coñece a existencia dun segundo cenobio na parroquia de San Pedro de Brates, documentado no ano 995, que aparece incluído entre os mosteiros de Sobrado dos Monxes, San Martiño Pinario e San Paio de Entrealtares.
No ano 1180 está documentada a doazón das terras de Orros, Andavao e Buazo ó mosteiro de Sobrado ; polos mesmos anos constrúese a capela da Arentía en honor de San Cidre e Santa María da Cabeza; tamén se constrúe a igrexa de Santa María de Sendelle que vai ter, como anexos parroquiais a San Pedro da Mella e Santiago de Boimorto, e a igrexa de Santa María de Perros, agora dos Ánxeles, que era anexo da abadía de Dormeá.
En Brates existía una casa brasonada que posuía a parroquia e o seu anexo Mercurín que pinorou o cabaleiro Alonso Muñiz para establecer un padroado dunha capela, integrada na capela da Madanela, en Arzúa.
En definitiva, os novo dominadores, o conde de Présaras e posteriormente o conde de Traba, acadan o control do señorío da igrexa e das terras en todo o val do Tambre. As terras actuais de Boimorto, pertencentes ó arciprestado de Benvexo e Sobrado, do arcediagado de Cornado na administración da igrexa, e do condado de Présaras, na administración territorial, pasarán así ó dominio do mosteiro de Sobrado ou da diocese de Santiago.
10. Expansión demográfica e agraria. A aparición dos foros.
Con estas bases feudais prodúcese unha expansión agraria parella a un crecemento demográfico e as vilas, consolidadas como asentamentos rurais, subdivídense en vilanovas, vilares, casais ou lugares durante os séculos XII e XIII dando lugar a novos asentamentos máis dispersos.
Tamén aparecen neste tempo os foros como forma de contrato agrario que establece as relacións entre señores, laicos ou eclesiásticos, e labregos. Na cúspide desta sociedade vai estar a nobreza tendo en conta que prevalecerá a nobreza eclesiástica, bispos e abades, sobre a nobreza laica.
As terras de Boimorto, xa que logo, van estar baixo o dominio do mosteiro de Sobrado ou baixo o dominio do bispo de Santiago coa encomenda real de organizar a produción agraria e controlar politicamente o territorio.
Pouco se sabe das guerras dos irmandiños nesta terra de Boimorto pero Melide era un centro moi activo e derrubara moitos centros de poder dos señores, as fortalezas. Isto e mais as liortas entre os defensores da raíña Sabela e Xoana a Beltranexa divide á nobreza.
Os reis, interesados en eliminar a nobreza poderosa, van eliminar a uns e destinar, lonxe dos seus dominios, a outros e así emerxe a nova fidalguía galega, a baixa nobreza, moi fragmentada, que será a intermediaria entre os patrimonios eclesiástico s e os labregos durante os séculos XVII, XVIII e XIX e non concluirá ata a nova etapa democrática no último terzo do século XX.
11. Afidalguía e os señores da terra. Creación de vínculos e pazos
Esta nova fidalguía –fidalgos, abades, clero e nobres que conseguiron sobrevivir a estas revoltas, vai recibir diferentes lugares en forma de foros que eles lles subforarán ós labregos ata a época contemporánea. Así nace a nova fidalguía da zona que, coma en toda Galicia, crean pazos, vínculos e casas grandes que mediante foros e subforos arrendaban a terra, labranza a medias, con outros tributos como a cría de capóns e os diezmos e primicias para o crego da parroquia. Este sistema vai perdurar ata a abolición dos foros e a posibilidade de adquirir as terras, despois de custosas loitas agrarias durante o século XX.
A pertenza a este grupo de fidalgos, o máis baixo da aristocracia, era o que daba a posibilidade de ascenso social, a posibilidade de controlar o patrimonio da igrexa mediante subforos, e establecer nas parroquias as súas casas ou pazos xestionando a riqueza produtiva dos labregos. A este grupo temos que engadirlle os rendeiros que, sen seren fidalgos, tamén arrendaban terras e que, en xeral, se denominaban señores.
As familias dominantes, mediante unha política de matrimonios pactados configuraban un núcleo de poder que se estendía ós concellos de Arzúa, Melide, Mesía, Vilasantar, Curtis e Sobrado. En casos moi concretos aumentan o seu dominio ás zonas da Coruña, de Betanzos e Santiago.
Esta endogamia, planificada dentro do grupo minoritario que controlaba o territorio e a minguada produción dos labregos, asegurou a súa supervivencia durante tanto tempo.
A agricultura vai ser, xa que logo, ata o século XX a exclusiva actividade económica do concello e os grupos sociais básicos serán os fidalgos na súa máis ampla acepción, perceptores das rendas agrarias, e os labregos, os traballadores das súas terras. Excepcionalmente existía algunha herdade, libre de foros, os labregos propietarios do lugar que traballan, algún artesán e, singularmente, a telleira de Sendelle que aparece citada na Descrición económica de Galicia (1804) por Labrada e, no segundo terzo do XIX, a telleira de Verea. Aparecen, xa que logo, estas telleiras como primeiro núcleo de produción industrial aínda que ata o primeiro terzo do século XX cada tella era producida de forma artesanal con “patrón” e con “forma” como nos informan os traballadores máis vellos.
12. O poder da igrexa
Para poder apreciar o poder da igrexa neste período recordemos que ata o ano 1813 estaba todo o territorio da provincia de Santiago baixo oseñorío xudicial e administrativo do arcebispado de Santiago.
No ano 1746 o arcebispo Caetano Gil Taboada convoca un sínodo no que van ter representación os arciprestes da diocese e dous curas de prestixio de cada arciprestado. Aínda son tempos nos que as familias fidalgas destinaban ós varóns non herdeiros nos postos eclesiásticos, administrativos ou militares e estes colaboraban no engrandecemento do morgado.
Asiste polo arciprestado de Sobrado, no que están incluídas as parroquias dos Ánxeles, Corneda, Dormeá e Rodieiros, o seu arcipreste e cura de Santa María dos Ánxeles, Bartolomeu Crego das Seixas.
Asiste polo arciprestado de Benvexo, no que están incluídas as parroquias de Boimorto, Andavao, Arceo, Boimil, Brates, Buazo, Cardeiro, Mercurín e Sendelle, o seu arcipreste e cura de Gonzar, Matías Verea y Aguiar, Alejandro de Eiras, cura de Sendelle, e Fernando Rodríguez de Andrade, cura de Brates.
A lectura das “constitucións do sínodo” reflicten toda a incidencia que ten a igrexa na vida dos habitantes de cada parroquia.
Resulta de interese saber que a partir deste ano 1746 debe haber en cada parroquia un libro de bautizos, un libro de casados e outro de defuntos con todo o procedemento regulado e cos impostos correspondentes de cada trámite.
As constitucións sinodais dánselle a todos os curas das parroquias, impresas nun libro, no que comeza por expor os textos da doutrina cristiá, en latín e en lingua romance, o castelán. Regula posteriormente todas as circunstancias de cada sacramento, o oficio dos fiscais, dos notarios, dos procuradores, xuíces, cárceres, aranceis dos tribunais, etc.
Pero a incidencia na vida de cada día advírtese mellor se reparamos en constitucións que, parecendo anecdóticas, determinaban un control total dos fregueses como poden ser o mandato de que os confesores non administren o sacramento da confesión sen examinar a cada persoa sobre o coñecemento da doutrina; dispor que os curas coiden que os mestres de nenos das súas parroquias ensinen a doutrina cristiá; que os testamentarios e herdeiros exhiban os testamentos (...) e no libro de defuntos se anoten as misas sinaladas e as obras pías a costa dos bens do defunto; que os curas teñan padróns de todos os fregueses e outro distinto dos mozos de soldada e teñan conta que se confesen como está previsto; que non dean licenza para comulgar a Pascua noutras partes e exclúan os excomungados da igrexa, que fagan matrícula de todos os fregueses que non se confesaran e comulgaran no tempo e como se di no título do sacramento da penitencia, etc.
13. Os cambios desta sociedade durante o século XX
Os cambios sociais no concello durante o século XX vanse ver propiciados polos movementos sociais agrarios que se dan en toda Galicia e polos movementos de poboación do rural ás cidades da Coruña e Ferrol e, fóra de Galicia, Pais Vasco e Cataluña fundamentalmente.
No ano 1907 fúndase o movemento agrario Solidariedade Galega e publican o seu manifesto no que se definen como a matriz da que van nacer os novos partidos políticos que a Patria necesita proclamando loitar contra o caciquismo que impera na sociedade.
Solidariedade, segundo a declaración deste movemento, “é a xuntanza de todos os homes honrados e traballadores que fan irmandade para iren contra dos que nos desgobernan e explotan os nosos dereitos”
Este movemento vai supor un forte desenvolvemento do agrarismo loitando decididamente contra os abusos dos señores da terra. Consta que existiron agrupacións solidarias en Arzúa e Melide. Neste movemento van ser históricas a participación de dous grandes propietarios de terras, dous herdeiros de casas fidalgas, de ideoloxías diferentes, vinculados a Boimorto: Salvador Golpe Varela, dono da casa do Boído, propietario absentista, e Juan Vázquez de Mella con pazo en Filgueira. Os dous eran sabedores dos abusos dun sistema que había que eliminar para posibilitar un agrarismo solidario e un cambio social.
Eles, solidarios coa causa labrega, tamén sentaron as bases para que outros fidalgos coma eles, que adquiriran máis rendas coa desamortización, foran perdendo tantas prebendas adquiridas en favor dos seus pagadores, os caseiros, durante tantas xeracións.
Pero o movemento agrarista avanza decisivamente e no mes de setembro do mesmo ano 1907, coa presenza de Juan Vázquez de Mella, fúndase en Arzúa o Sindicato Católico Agrario do que sería presidente honorario o avogado e abade de Arzúa, Andrés Vaamonde Sandá, dono da casa de Roiriz de Enriba de San Xiao de Zas de Rei.
Non tardan en aparecer os sindicatos agrarios en Boimorto para pechar este capítulo de explotación labrega que só vai minorar a terrible guerra civil do 36. Mais as remesas de divisas procedentes de América e mesmo, no seu colofón final, de Europa, serán decisivas para que se vira desprazada a fidalguía imperante que non soubo espertar do seu sono ante unha nova sociedade que vai ser a protagonista dun novo tempo.
Parello a este movemento agrarista tamén se dan os tímidos avances no sistema educativo primario que posibilita a aparición en Boimorto de pequenos comerciantes, e doutras pequenas industrias básicas como os serradoiros, os transportes, etc. Á súa fronte están persoas formadas na Escola Primaria de Boimorto dirixido por dous mestres que recordan varias xeración: don Santiago e dona Carme. Foi un matrimonio que posibilitou darlle estabilidade a unha formación básica, durante catro décadas e coas limitacións da época, ós habitantes do Boimorto.
No ano 1936, a sen razón dunha guerra fratricida, vai paralizar moitas conquistas sociais. Liberados desta etapa escura, coa democracia, comeza un novo tempo para unhas xeracións máis formadas e Boimorto tamén será coñecido en Galicia polos seus habitantes emprendedores, polos seus escritores, polos seus artistas e polos seus traballadores da terra libres de foros e doutros xugos.
Manuel Rico
Fitos históricos:
* Construccións de interese.
* Achado do Miliario.
* Creación do escudo.